Transcurrido un tempo prudencial, semella seguro afirmar que o proceso de devolución ao voluntariado da coordenación dos proxectos de software libre que motivou a posta en marcha desta plataforma foi finalizado, e que o traspaso das responsabilidades de coordenación deses proxectos foi realizado de forma efectiva. Resolta pois a urxencia causada polo desmantelamento de Mancomún, parece chegado o momento de permitir que a plataforma continúe coa súa propia evolución, desactivando aqueles servizos que son menos necesarios e redimensionando aqueloutros que mellor respondan ás necesidades que se foron destilando desta demorada posta en común.
Como ponto de encontro para a galeguización de programas e contidos informáticos, a plataforma g11n.net xa non debe por mais tempo continuar únicamente circunscrita ao específico ámbito do software libre, ao tempo que debe comezar a respostar ás inquedanzas do perfil técnico, científico e profesional que caracteriza a boa parte das personas congregadas en torno a esta iniciativa. Distintos ámbitos como a lingüística computacional, a tradución e a interpretación, as iniciativas de dinamización do idioma ou as políticas de normalización levan anos acollendo iniciativas que poden beneficiarse das sinerxías xeradas pola posta en común e o contacto interdisciplinar que quere fornece esta plataforma.
Trátase pois de redimensionar o proxecto para acoller unha aposta a longo prazo que durante os próximos anos non teña outro obxectivo que o de consolidarse paseniñamente mediante a progresiva agregación de vontades orientadas, colectivamente, a garantir a viabilidade da cultura galega na sociedade da información e do coñecemento. Os principais cambios e novidades irán aparecendo en forma de comentarios a esta mensaxe. Suxerencias e ideas, como sempre, serán benvidas.
